Thursday 16 de May de 2024

Medio Ambiente destaca que os fogares de acollida axudarán a dinamizar as adopcións de animais domésticos e a reducir os ingresos nas instalacións municipais


A directora xeral de Conservación da Natureza recibe a membros da Federación Galega de Municipios e Provincias, para presentarlles o anteproxecto de Lei de protección dos animais, que se atopa en fase de información pública

A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz López, destacou hoxe a importancia da nova figura de fogares de acollida que recolle a Lei de Protección de Animais, que dinamizará as adopcións de animais domésticos e que tamén axudará a reducir os ingresos nas instalacións municipais.

Así llo trasladou a directora xeral aos representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias, cos que mantivo unha reunión esta mañá e aos que lles reiterou que estes son dous dos obxectivos que a Xunta se marca con este novo regulamento, que foi aprobado recentemente no Consello da Xunta e que na actualidade se atopa en fase de información pública.

A directora explicou que cando non sexa posible a adopción ou cando se rexistren as circunstancias que o aconsellen, poderá entregarse ao animal en acollemento temporal a persoas que poidan garantir o coidado, atención e condicións hixiénico sanitarias que precisen. Cada domicilio poderá acoller un máximo de cinco animais e serán os concellos e os centros de recollida autorizados os encargados de manter unha relación actualizada destes fogares de acollida.

Asemade, explicoulles que –tal e como se recolle na lei actual- serán os concellos os encargados de recoller os animais domésticos abandonados que deambulen polo termo municipal; polo que os municipios disporán dun centro de recollida de animais abandonados, rexistrado no Reganuz (rexistro galego de núcleos zoolóxicos).

Díaz López sinalou que os obxectivos da presente lei son os seguintes: acadar o máximo nivel de protección e benestar dos animais obxecto desta lei, consonte a súa condición de seres vivos dotados de sensibilidade física e psíquica; fomentar o coñecemento do mundo animal que contribúa a unha conduta máis responsable e cívica das persoas no respecto, defensa e preservación dos animais, así como na súa tenza, acorde coas necesidades fisiolóxicas dos mesmos; compatibilizar o benestar dos animais co seu goce e mantemento polas persoas; e harmonizar a tenza dos animais coa convivencia social pacífica e segura.